martes, 1 de junio de 2010

Plan de Igualdade no Concello de Ferrol

O goberno local anuncia a elaboración do II Plan de Igualdade do Concello de Ferrol, un proxecto que buscará dar participación ás asociacións de mulleres

Venres, 28 de maio de 2010

A edil María López explica que dará continuidade ao primeiro plan, aprobado no presente mandato municipal. Anuncia un protocolo de coordinación entre institucións en materia de violencia de xénero para regular as competencias de entidades e organismos na atención ás vítimas

A concelleira de Muller, María López, anunciou que o goberno municipal socialista que lidera Vicente Irisarri promoverá un Plan de Igualdade participativo, no que se busque a implicación do movemento asociativo e no que se contemple a igualdade como un obxetivo transversal na xestión municipal. Para iso, informou de que a Administración local vén de contratar a redacción do segundo Plan de Igualdade do Concello de Ferrol. Un Plan que, tal e como subliñou María López, dará continuidade ao primeiro, que fora aprobado no ano 2007, no presente mandato municipal, e cuxa vixencia rematou en 2008. Este foi un dos aspectos levados á comisión informativa de área, na que tamén se deu conta da intención de pór en marcha un protocolo de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero.

Respecto ao II Plan de Igualdade, a edil María López explicou que se está a rematar un documento de avaliación do I Plan coa finalidade de analizar cal foi o seu grao de cumprimento e as políticas que nel se recollían (será presentado a próxima semana). No que se redactará agora farase especial fincapé na participación, toda vez que a finalidade é que o dito documento conte coas aportacións e visións de todas as asociacións de mulleres e entidades que a día de hoxe traballan con temas de igualdade. Así mesmo, segundo destacou a edil de Muller, será un documento moi realista cuns obxectivos ambiciosos sen perder de vista esa realidade actual, á cal se adaptará. Na súa redacción teranse en conta as diferentes concellerías. Para a súa posta en marcha, o Concello solicitou á Xunta de Galicia unha subvención de 6.000 euros (o seu custe total ascende a 11.900 euros). Aínda así, de non recibirse, o Concello ten orzamentada unha reserva de crédito para facerse cargo do custe.

En canto ao protocolo de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero, a concelleira María López destacou a importancia de dispor del toda vez que é necesaria a implicación de todas as entidades sociais e organismos implicados no tema da violencia contra as mulleres e que na actualidade están a actuar de xeito paralelo ao non existir un documento que recolla formalmente quen ten competencias para actuar nestes casos e cales son as ditas competencias. E ao fío disto, a edil de Benestar Social e Muller anunciou a constitución de mesas de traballo nas que estarán representados todos estes axentes, desde centros de saúde e hospitais á Policía, o Xulgado de Violencia, Colexio de Avogados, o servizo de Violencia da Subdelegación do Goberno, o Centro de Información á Muller (CIM) e a Casa de Acollida, entre outros.

Así mesmo, con este protocolo darase resposta ao problema de protección de datos co que se atopan as entidades e organismos á hora de prestar asistencia ás mulleres vítimas da violencia machista e derivalas aos organismos correspondentes en cada caso. Actualmente, tal e como destacou a edil, existe un baleiro neste campo que é necesario resolver.

Tamén para a elaboración deste protocolo o Concello solicitou á Xunta de Galicia unha subvención 10.000 euros, cantidade que supón aproximadamente o custe para a súa redacción. Ao igual que co II Plan de Igualdade, estas cantidades implican a publicación e difusión destes documentos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario